Luz ahora: 0,12533 €/kWh

NAVAS DE SAN ANTONIO: Durante toda a xornada do vindeiro martes 5 de xuño,...

Durante toda a xornada do vindeiro martes 5 de xuño, abordarase o problema da relación entre a oferta e a demanda nos sistemas de saúde público

Coa colaboración da Escola Nacional de Sanidade do Instituto de Saúde Carlos III, procurarase incorporar o coñecemento e o reto de artellar os mecanismos e garantías que requiran unha boa xestión de accesibilidade

A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, inaugurará este encontro, no que participarán expertos nacionais e europeos en xestión e priorización


Santiago de Compostela, domingo 3 de xuño de 2007.- A Escola Galega de Administración Sanitaria reunirá o vindeiro martes en Santiago de Compostela a expertos galegos, españois e europeos para participar no Seminario Experiencias en Xestión Sanitaria: Accesibilidade e esperas nos sistemas públicos de saúde. O obxectivo deste encontro é abordar o complexo problema da relación entre a oferta e a demanda nos sistemas públicos de saúde, onde a inexistencia de prezos fan que o acceso aos servizos se produza a través de distintos mecanismos, e que se visualizan en listas de espera e tempos de demora.

Este Seminario, no que tamén colabora a Escola Nacional de Saúde do Instituto de Saúde Carlos III, tamén busca incorporar e enriquecer o coñecemento deste ámbito a través de achegas dende o mundo académico, das experiencias internacionais, dende a perspectiva política e asociativa; e dende o debate da xestión e priorización dentro do Sistema Nacional de Saúde español.

Neste seminario -que inaugurará a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal- tense en conta que para mellorar a calidade dos servizos de saúde, precísase artellar políticas que permitan aos cidadáns acceder a servizos efectivos en tempo oportuno e de acordo á natureza do seu problema de saúde, as súas necesidades, e, no seu caso, as súas preferencias.

Nesta liña, o concepto de necesidade implica unha valoración técnica, pero tamén un balance entre prioridades do suxeito social e perspectivas e preferencias do paciente. O reto de incardinar os mecanismos e garantías que require unha boa xestión da accesibilidade temporal aos servizos públicos de saúde, é un desafío permanente dos sistemas de saúde integrados.

Expertos en accesibilidade e xestión da espera
As políticas de xestión de espera e garantía de tempos de demora no sistema de saúde británico, será a exposición de John Connaghan, director executivo de xestión do Sistema Nacional de Saúde escocés. Ás 11:00 horas, haberá unha mesa redonda sobre os Problemas de medición e priorización das listas de espera, con Enrique Bernal Delgado, do Instituto Aragonés de ciencias da Saúde; Xavier Castells, do Hospital del Mar de Barcelona; e Mariam Gogorcena, do Instituto de Información Sanitaria do Ministerio de Sanidade e Consumo. Esta sesión será moderada por Berta Rivera, directora da Escola Galega de Administración Sanitaria.

Para pola tarde, desenvolverase unha mesa de debate sobre Xestión de esperas e garantías de demora: ¿como orientar políticas efectivas e sostibles para as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde?, na que participan Enrique Castellón Leal e José Conde Olasagasti, ámbolos dous ex subsecretarios do Ministerio de Sanidade e Consumo; e Pere Ibern, presidente da Asociación de Economía da Saúde.

A Sanidade pública galega pechará esta xornada co director xeral de Asistencia Sanitaria, Julio Villar Barreiro, co seu relatorio sobre a Situación e perspectivas da xestión de esperas no Servizo Galego de Saúde; e o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez Escudero, encargado da clausura do Seminario.