Ofertas de luz y gas

CASTRELOS: Miña casiña, meu lar, ¡cántas onciñas de ouro me vals!...

Miña casiña, meu lar, ¡cántas onciñas de ouro me vals!
Vin de Santiago a Padrón cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna, sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba ricas cousas que mercar,
¡anque ganas tiña delas, non tiña para as pagar.
Nos mesons arrecendia, a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro sin elas ten que pasar.
Fun chegando a miña casa toda rendida de andar
non tiña nela frangulla conque poidera cear.
A vista se me barria, que era aquél moito aunar.
Fun a porta de un veciño que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caian, que me fora a avergonzar.
Volvinme a miña casiña alumada do luar;
rexistrei cada burato para ver de algo atopar;
atopéi fariña, un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa. Púxenme a Dios a alabar.
Quixen encerdelo lume; non tiña pau que queimar;
funllo apedir a unha vella, tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla, do meu leito o fun a pillar;
rexistrei polo cortello mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños e fieitos a Dios dar.
¡Meu san Antón milagroso, xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume, con agua para quentar.
Mentras escarabellaba na cinza, vin relumbrar un ichavo da fortuna...
¡Miña virxe do Pilar! Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar; mais contenta que unhas pascuas
volvin a porta a pechar, e na miña horta pequena
unhas coles fun catar. Con un pouco de unto vello
que ven o supe aforrar, e ca fariñiña munda, xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote que era cousa de envidiar;
despois que o tiven comido, volvin de novo a rezar;
e despois que houben rezado, puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba, púxenme logo a cantar
para que me oiran en todo o lugar:
Meu lar, meu fogar, ¡cantas onciñas de ouro me vals!

ROSALIA DE CASTRO