Ofertas de luz y gas

LUBIAN: Nos tempos de antes as cousas facíanse doutro xeito....

Nos tempos de antes as cousas facíanse doutro xeito.
Tampouco había as esixencias legais que hoxe nos protexen e sufrimos ao mesmo tempo.
Quen se preocupaba daquela das perdices e coellos que cazaba Cándido, ou das troitas que traguía para casa cada día Lara?
Luis era un veciño do Churrián. Faltáballe un brazo. Pero tal falta non era impedimento para que Luis tocara o trombón de pistóns na fanfurriña municipal, nin para ires de caza coa escopeta... Vai ti saber como se arranxaba para utilizala.
Seica ía deica a Agrela e o Falgueiro nas nevadas, para cazar perdices nos mananciais, onde a neve derretía primeiro, deixando ao descuberto herbas tenras, que eran todo un reclamo para a abondosa caza daqueles tempos.
Levaba unha saba blanca que botaba por riba del, e alí ficaba quedo, disimulado na paisaxe totalmente blanca, confundindo aos animais que acudían a aquelas fontes tan apetecibles.
El viña traendo caza de abondo para millorar sen dúbida a mantenza da familia.
Outra cousa é o que se conta no bar. E Luis ía de cando en vez a tomar unhas pintas na casa da Leonor. Alí, todos os cazadores e pescadores que sentaban ao redor da estufa eran os millores do mundo. Luis decía unha daquelas noites de inverno:
--Eu estaba camuflado debaixo da saba, coa escopeta preparada, cando vin movimento no manancial: algo así como se unha lebre andara a carea-las moscas coas orellas. Disparei apuntando con todo o xeitiño. E cando fun mira-lo resultado, había unha ducia de perdices máis un coello. E toda esa caza, dun só disparo. Foi bó o tino!
--Home vai! --decía entón un incrédulo.
--Sí, home, sí... --porfiaba o Luis-- Se cadra, aquela ducia de perdices andaban a espiollar no coello, e por iso caeron todos cun só cartucho.