Ofertas de luz y gas

LUBIAN: O CONTO DO MUIÑO...

O CONTO DO MUIÑO
Daquela, por eiquí, aínda non conocíamos os muiños de auga. Moíamos o centeo nunhas pedras cuncas, á man, rongando por riba con outra pedra redonda.
Un día apareceu un galego que se asombrou do atrasadiños que andábamos, a pesares do río e dos rigueiros que podíamos pór a moer, cun pouquiño de intelixencia.
O pedáneo tocou ó acordo, o galego explicou as novas tecnoloxías na asamblea, e decidiuse por unanimidade pagarlle ao galego por levantar un muiño de auga no pobo.
Rematado o muiño, para probalo levaron un saco de gran, e o galego botouno a andar dediante de toda a xente que se acercou para ver tal marabilla.
Entón díxo estas palabras:
--Nunca o deixedes sen gran, porque se está traballando sen nada que moer, estráganse as pedras, e bótase a perder o muiño.
E logo, como xa botara tanto tempo no pobo, emprendeu viaxe de volta, unha vez cobrados os cartos, para a súa terra.
O pedáneo organizou a moenda, de tal xeito que o muiño non se quedara nin un intre sen gran na tremoia. Tódolos veciños foron levando as súas colleitas, e o muiño veña traballar, sen descanso.
Ata que chegou un día que se acabou todo o centeo que había que moer, e decatáronse de que o galego non lle explicara cómo se facía para detelo.
O muiño, sen gran, acelerouse, e botaba unhas chispas do carallo.
O pedáneo, que era moi mandón, ordenoulle parar. Pero o muiño negouse a obedecer.
Entón chamaron polo crego, que baixou de contado. Tamén el, botándolle auga bendita co hisopo, daba ordes ao muiño de parar, pero nin por esas.
Entonces o cura, aparragachouse perto daquela pedra do demoño, e dixo:
--Xa que non obedeces ás miñas palabras, has de obedecer á miña coroa!
Pero tanto quixo acercar ao mecanismo a súa coroa, que as pedras, veña xirar, cortáronlle a cabeza de raíz.
Daquela toda a xenta fuxiu aterrorizada. E unha vella, ao escapar, tropezou, e caeu na caldeira, á entrada da calexa. Entonces atrancou a auga, e parou o muiño.
No sucesivo, o muiño seguiu a moer cando fixo falta. E cada vez que había que paralo, collían unha vella, e atrancaban a caldeira.