PADORNELO: "O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades"...

"O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades"

"Medio Rural pode, erixida en xuíz e parte, declarar un monte veciñal en estado de abandono. Pero este estado de abandono non se declara en base a que o monte estea esquilmado ou deteriorado medioambientalmente, senón por argumentos burocráticos"

As últimas modificacións lexislativas impulsadas polo PP avanzan nos procesos de privatización dos montes comunais?

En decembro o PP aprobou en solitario dúas modificacións de dous artigos da Lei de Montes en Man Común. Esta norma leva en vigor dende 1989, unha vixencia que se debe seguramente ao consenso coa que foi aprobada, por unanimidade do Parlamento, nun momento no que había seis grupos na cámara. Estes cambios permítenlle á Consellería de Medio Rural, erixida en xuíz e parte, declarar un monte veciñal en estado de abandono. Pero este estado de abandono, ademais, non se declara en base a que o monte estea esquilmado ou deteriorado medioambientalmente, senón por argumentos burocráticos, de tipo administrativo. Pódese declarar abandonado un monte veciñal porque non se constituíu a súa xunta reitora en tempo e forma, ou porque a comunidade incumpre algún precepto da Lei de Montes. Algo que non se fai, en cambio, cos montes en mans privadas.
O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades de montes. Unha vez declarado este estado de abandono, a Xunta pode entregarllo a unha empresa privada de xestión forestal por un período de 50 anos.

Praza pública.
O xornal de Galicia