Rebaja tu factura AQUÍ

ARTEIXO: A Alcaldesa de Arteixo recibía esta mañá no seu despacho...

A Alcaldesa de Arteixo recibía esta mañá no seu despacho ao Delegado do Goberno en Galicia, D. Antonio Louro Goyanes, e ao Subdelegado, D. José Manuel Pose Mesura, que se achegaban até o Concello de Arteixo para coñecer de primeira man as obras dos proxectos FEIL 2009.

Despois da xuntanza mantida no despacho da Alcaldesa cos portavoces dos diferentes grupos municipais, os representantes do Goberno Central desprazáronse até as obras do Centro de Maiores da Baiuca, que ten previsto o seu remate nuns meses, grazas á prórroga que posibilitan os FEIL, e cuxas obras mellorarán sustancialmente a calidade dos servizos que, até o de agora, se viñan prestando no anterior centro, adicado á atención e o ocio dos maiores.

Posteriormente a comitiva desprazábase até o Pavillón Polideportivo, a obra de maior envergadura dentro do proxecto FEIL 2009 en Arteixo, con máis de 2 millóns de presuposto, e que sustitúe á anterior infraestrutura por unha moito máis moderna e diáfana, con un aproveitamento maior e moito máis adecuada.

Durante a visita, o Delegado do Goberno fixo fincapé na importancia dos máis de 160 postos de traballo que estas obras depararon a Arteixo, case 50 de eles de nova creación, e na idoneidade dos cinco proxectos elixidos –saneamento de Larín e Sorrizo, adecuación da Praza de Pastoriza, Centro de Maiores de Baiuca e Pavillón Polideportivo-, que foron, según indicuo “unha aposta da Alcaldesa, Pilar Souto, aprobada polo goberno de Arteixo”.

O FEIL 2009 deixa en Arteixo un presuposto de case 5 millóns de euros, pero dende o Goberno Local insisten na importancia de mirar máis cara o futuro, centrando o traballo no novo FEIL 2010, cun presuposto de algo máis de 3 millóns de euros, no que xa se está a traballar.

Segundo indicaba a propia Alcaldesa, o Goberno Local está xa ultimando os detalles dos proxectos que o Concello de Arteixo ha presentar a este novo Fondo Estatal de Inversión Local, para poder dar traslado dos mesmos á oposición canto antes “e presentalos proximamente ao Goberno Central para a súa aprobación e posta en marcha”.

Pilar Souto quixo destacar a importancia destas inversións, sen as que non sería posible afrontar proxectos de tanta envergadura, e por outro lado tan necesarios nun concello como Arteixo.