ARTEIXO: Informativo Radio Arteixo...

Informativo Radio Arteixo
Enviado por Radio o ven, 2009-02-06 13:13 Informativo | Radio

Arteixo, 06 de febreiro de 2009

D. S.

Frío e neve en cotas baixas. Tamén vento. Saímos dunha e entramos en outra. Nova borrasca nun dos máis crus invernos dos últimos anos. Buscamos datos da predición na Axencia Estatal de Meteoroloxía.

O Plan xeral de A Coruña invade territorio de Arteixo e estende o seu territorio dentro do linde municipal de Arteixo. Son consecuencias dun deslinde difuso que un e outro municipio teñen pendente de delimitar dende hai anos. O voceiro de TEGA indica que o plan coruñés entende territorio de A Coruña ata a antiga farmacia de Meicende, ámbito que non comparte o Concello de Arteixo. Márquez anuncia que o Concello presentará alegacións a ese punto. O de TEGA recoñece que a situación de dúbida respecto dun e outro territorio provoca que algunhas empresas non saiban onde teñen que solicitar unha licenza.

A empresa Arnaiz-Tinsa, adxudicataria do contrato para a redacción do Plan de Arteixo, recolle dende xaneiro documentación no Concello para preparar un informe previo da situación municipal antes de acometer o novo planeamento. Será unha vez concluído e presentado ese informe cando o goberno local reúna ós grupos da oposición.

Nin enxeñeiro nin aparellador municipal coñecían o proxecto de obra para o arranxo de vestiarios no Pavillón do Colexio de Galán. A obra foi obxecto dun reparo de intervención ó que o bipartito trata de restar importancia. O primeiro tenente de alcalde indica que os técnicos municipais se enteraron da existencia desa obra en xullo de 2007 cando a mesma adxudicouse á empresa que finalmente a realizou, e sen que existise mesa de contratación, en comisión de goberno de xaneiro de 2007. O proxecto tamén fora aprobado en comisión de goberno en marzo de 2006. O voceiro de TEGA ve máis dunha irregularidade no proceso aínda que non polo reparo da intervención. Sostén Márquez que foi o actual goberno o que houbo de solventar os erros dun proceso irregular

Os traballos, 37.366 euros, estaban incluídos no Plan de Actuación Municipal 2006.

Técnicos municipais valoran tres parcelas de terreo en Loureda que poderíanse converter en posible ubicación do demandado centro social da parroquia. O Concelleiro de obras recoñece as dificultades que presenta a adquisición do solo en cuestión porque, explica Xosé Márquez, a meirande parte dos mesmos comparten espazos en solo rústico e urbano o que dificulta a súa valoración

O goberno local comprometerase na aprobación do orzamento de 2008, en xullo pasado, a utilizar parte do remanente de tesourería na adquisición de terreos para a dotación de infraestruturas en distintas parroquias. Loureda, recoñecen, é unha das máis necesitadas. O documento orzamentario contempla ademais partidas de 80.000 e 70.000 euros para adquirir terreos, para a mesma fin, en Rorís e Rañobre que tamén se valoran actualmente.

Non hai polémica aínda que “non me parece normal”. O líder de TEGA evita reprobar á concelleira do seu grupo que o pasado venres acudiu a un mitin que ofreceu en Arteixo o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana. Xosé Márquez respecta a decisión dos membros do seu grupo e insiste en que o episodio do mitin non debe dar lugar a suspicacia algunha

O PSOE, socio de goberno de TEGA, tamén restou importancia ó episodio. A concelleira protagonista non quixo falar do asunto porque, indica, “non hai razóns”.

Citas. Primeira do “Febreiro Máxico”. O Auditorio Municipal acolle unha ampla programación que comeza esta mesma tarde. Será ás 20:30, coa obra “Dakara”, do mago Dani García.

Tamén esta tarde ábrese a exposición que dedica Manuel López á súa obra entre o ano 1966 e o 2006. Permanecerá na sala de mostras do centro cívico ata o 21 de febreiro.

O mal tempo obriga a suspende-las festas de San Brais previstas para hoxe e mañá en Vilarrodís, Ponte Galán e o Barrio da Concepción os actos festivos con motivo do San Brais.

Un apunte dos veciños da A. R. C. D. FONTESVELLAS de Lañas. Convocan a tódolos socios á asemblea xeral ordinaria que corresponde ó ano 2008. Será o sábado próximo ás seis da tarde en primeira convocatoria e ás 18.30 a segunda.

» 31 lecturas