A POBRA DE TRIVES: O Parlamento de Galicia debatirá o 14 de febreiro a...

O Parlamento de Galicia debatirá o 14 de febreiro a Proposición non de Lei sobre o Porto Seco de Monforte

A Comisión de Seguimento do Porto Seco comunica que, o vindeiro mércores día 14 de febreiro, o Parlamento de Galicia debaterá a Proposición non de Lei sobre o Porto Seco de Monforte.

Unha delegación representativa da Comisión de Seguimento, do Goberno Municipal, e da corporación, asistirán á citada sesión plenaria. Así mesmo, achegaranse invitacións a outras entidades representativas da sociedade monfortina.

A Proposición non de Lei, consensuada polos tres grupos políticos con representación parlamentaria, insta ó Goberno da Xunta de Galicia a:

1.- Considerar o Porto Seco de Monforte de Lemos como un proxecto estratéxico para a articulación loxística de Galicia e, en concreto, para a dinamización económica do interior do noso país.

2.- Promover a implicación activa da administración galega e da estatal, nomeadamente do ente público Portos do Estado, na execución e posta en marcha deste proxecto.

3.- Contemplar nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2007 as partidas precisas para comezar as actuacións pendentes no Porto Seco de Monforte e as das infraestruturas viarias indispensábeis para a súa operatividade, co compromiso de ter rematado as obras de urbanización e as conexións viarias no horizonte do ano 2008.