Ofertas de luz y gas

A VILAVELLA: Estas cousas que contas son as que gustan escoitar....

A tía María foi sempre unha moi boa cociñeira. Non había caldo de verzas e fabas coma o dela en toda a contorna, sobre todo cando se comía requentado.
Certo é que daquela habíache poucas sustancias nutritivas ao alcance daquela economía de subsistencia. Caldo de verzas, caldo de unto, tallada de touciño con pan negro, ovos fritidos, ensalada de feixós, e os días de festa, un xurelo fritido ou unhas sardiñas en escabeche.
O que millor aviaba ela naquela prolongada crisis eran unhas chirouvías á feira, cos mesmo ingredientes que puña a Chata no polbo da Tuíza, máis un dente de allo, que se relambía un co gusto, carallo.
Máis adiante, a tía María, cando comezou a haber algún peso na casa, avizóusenos ás revistas do corazón. E claro, tamén ás receitas de cociña que viñan nelas. ¡Aquela sí que foi boa! ¡Uns postres de campionato!
O día da festa do pobo rodeámonos todos a unha bica xigante que ela preparara a partires dunha desas receitas das revistas.
--Hoxe saíuche mal, María --dixo o avó nada máis enguli-lo primeiro bocadiño.
-- ¿Non está boa? --preguntou ela ofendida.
-- ¡Está como crúa!--berrou o vello.
--Pois eu fixen todo o que dice a receita... Bueno... Todo, menos a parvada que pón no rabo. Arrenegado sexa o demo. Só me facía falta facer iso! Dice no cabo da receita: "Hornear durante quince minutos". ¿Sodes capaces de imaxinar a esta vella orneando un cuarto de hora despóis de face-la bica? ¡Ides aviados!

Estas cousas que contas son as que gustan escoitar. Puxéchesme os dentes longos coas delicias que nomeas. A cociña Galega e Castelá que marabilla. O mais entretido estes contos e cousas de cultura dos nosos pobos ao meu emociónanme. Quizas sexa un melancolico sen remedio.
Un abrazo amigo.