Ofertas de luz y gas

BARXA: Unha vez era unha raposa, e fíxose a morta. ...

Unha vez era unha raposa, e fíxose a morta.
Pasaba por alí un carreteiro, e tirouna para o carro.
O carreteiro levaba no carro unha cesta de sardiñas, e a raposa foi tirándoas para tras, e cando acabou de tiralas, tirou a cesta tamén.
Despois apañounas todas e foi lavalas a un pozo do río. Cando andaba nestes traballos, apareceu por alí o lobo:
--Ai, comadre, onde carallo colliche esa cesta de troitas?
--Pois mira: tireime a este pozo coa cesta atada ó rabo, e encheuseme de troitas.
--Me cago na cona, comadre; faime o favor de atarme a min a cesta ó rabo tamén.
--Pero mira que hai que botar moito tempo...
Atoulle a cesta ó rabo e encheuna de penedos. Daquela o lobo, ó meterse no pozo, foise ó fondo. E alí se fartou de estar naquel día tan frío de inverno. Encarouxouse o pozo, e o lobo non podía saír.
--Ai, comadre, vai ó lugar e trae picos e martelos para rompe-los carambelos!
E a raposa levou tódolos cans do pobo, tiroulle unha pedra ó pozo e fíxolle un buraquiño con ela ó xeo.
O lobo quería saír por alí, pero como o buraco que fixera a pedra era tan pequerrecho, saíu esfolado.
Daquela a raposa ceiboulle tódolos cans mentras berraba:
--Arriba pernas e arriba ancas, que neste mundo todo son trampas!