GOIAN: Peso - Unha lenda...

Peso - Unha lenda

A LAMPREA LOURA:
Contan os máis vellos do lugar que en noites de lúa chea na beira do Miño fronte a Arbo, na parte portuguesa, se pode ver unha moura de longos cabelos louros que acarecia cun gran peite de ouro mentres se mira nas augas do río. En realidade víase antes, cando aínda se andaban a pé os camiños, pero dende que as estradas e as pontes internacionais cruzan por enriba das augas non hai noticias desta aparición.
Contan que era tal a súa beleza (tan grande o valor do peite de ouro, din os máis materialistas) que os máis audaces de Melgaço, e tamén os de Arbo, que cruzaban o rio nunha barca, andaban nas noites de lúa chea polas beiras do Miño á busca da aparición, uns para namorar á moura de cabelos louros e outros co nunca confesado obxectivo de marchar co peite de ouro ao primeiro despiste daquela beleza.
Pero nunca ninguén foi capaz de achegarse á loura que se peiteaba xunto ao río. Moitos vírona, é certo, ou polo menos aseguraron na taberna tela mirado na distancia, co cabelo e o peite brillando baixo os raios brancos da lúa. Pero ninguén tivo nunca testemuñas de tal cousa, e menos probas de que a moura existise. Un simple cabelo dourado sería suficiente para convencer da súa existencia a todo un pobo que se dividía entre os que pasaban as noites de lúa axexando o río, aqueles que os tiñan por tolos e os que mostraban máis medo que atraccíon polo encanto, porque en definitiva a tal aparicíón non podía ser máis que un encanto
Unha noite de lúa chea de agosto Rui, un mozo da parte portuguesa do río, desapareceu. Ao dia seguiente os amigos declararon que estiveran na taberna tomando unhas chiquitas e que Rui, algo achispado, decidira coller un candil e botarse a percorrer as ribeiras do Miño na busca daquela aparición co firme propósito de namorala e estabelecerse pola súa conta co froito da venda do peite, montando unha fonda na que a súa namorada cociñaría e el atendería a moita clientela que dunha e outra beira do río habería de chegar ata alí para comprobar con os seus proprios ollos a existencia daquela loura encantada que tantos buscaran sen éxito.
O candil do Rui apareceu enriba dunha rochas xunto ao río. E días despois saíu a flote o seu cadáver algo máis abaixo. Os que o sacaran do río dixeron que tiña na garganta unhas marcas de dentes que formaban círculos concéntricos, semellantes á boca dunha lamprea. E na cara un estraño xesto de satisfacción.
Ninguén quixo ensinarme o sitio onde apareceron o candil e o cadáver.