A Lenda da Espada do Mouro
Di unha antiga historia que en certas encrucilladas de algúns camiños de Goián (ala polo barrio do Pazo), cando chegaba o anoitecer, aparecíase unha alma do outro mundo en forma de rapaza, moi fermosa, cuns cabelos longos ata a cintura e moi louros, cun falar tan feiticeiro que ó mozo que se atopaba con ela engaiolaba de tal maneira que o faia andar toda a noite ata o amencer acompañándoa na súa peregrinación por este mundo. Ós rapaces ós que isto lles acontecía, comezaban a desmellorar, deixaban de comer e quedaban moi fracos e pálidos, non habendo meiga que os sandara e acababan morrendo.
Inda hoxe en día, alá pola devesa da Igrexa no Pazo, míranse procesións de xentes ou animas do outro mundo, con velas acesas que van cara á Atalaia, e alí na pedra que lle din do afogado, que esta media cuberta pola auga do río Miño, nas noites de lúa chea, lavan as súas culpas e fan esconxuros. Na volta pasan polo cruceiro de dito barrio e na pedra da base deixan as velas ardendo. Algo diso contábamo a Sínda: un día de mañan cediño que ía para súa casa que ten alí no barrio, pois pola noite ía durmir con unha filla que mora no lugar de San Roque, ó pasar preto do cruceiro veulle un cheiro moi forte a cera queimada, arrimouse pra ver que era e viu a pedra toda manchada de cera derretida e un par de velas aínda acendidas.
No século XVII, despois de ocupáreno, as tropas portuguesas Goián desfixeron o forte da Nosa Sra. da Concepción en Goián, así como a Atalaia, antes de abandonar esta zona durante o reinado do rei Carlos II. Posteriormente foi construído o forte chamado de San Lourenzo no 1673, do cal quedan partes das murallas ó pe do río Miño, ó lado da Barca.
Remaron as guerras con Portugal, pero non os roubos dos portugueses á parte galega, sendo obxectivo deles por varias veces a casa solar dos Correa á beira do río Miño, pra poder por coto a tales desmandos, o Sr. Don José María Cadaval y Peón, señor do Coto, no ano 1794 mandou reedificala Atalaia e así controlar as idas e vindas dos portugueses. Aquela parte do río e moi estreita por o que o que permite facilmente a comunicación entre ambas as dúas beiras de Galicia e Portugal.
Durante a súa restauración no lugar chamado o Pombal, buscando as pedras que estaban medio enterradas apareceu un alfanxe mouro, cunha empuñadura de ouro e prata que debeu ser de algún xefe principal. As xentes do lugar ó decatarse de tal cousa, xa imaxinaban que alí había unha cova con moitos tesouros e a súa entrada debía ser por debaixo da auga no río.
Esta historia ou lenda que hoxe estou a narrar ven do século XIII cando os españois andaban na reconquista de Sevilla, na cal participou Don Paio Correo "El Viejo".
Tamén se atopa na conquista do Reino de Murcia no ano 1242. O señor da casa de Goián o cal era don Lorenzo Correa (pode se-lo pai da moza desta historia), que casou con dona María Suárez de Deza. Por aquel entón, os mouros que aínda reinaban en parte de Portugal, mandaron un exercito a Galicia; antes xa o fixera Abderraman III, que chegara ata Santiago. Este exercito mouro entrou por Portugal ata Galicia por Goián para vingar as derrotas que os cabaleiros da familia Correa lle infrinxiran polo sur de España. Era intención deles montaren o seu campamento na Guarda, pero como era sitio ventoso e frío, fixérono no Rosal e, dende alí, faian as súas andanzas polo Baixo Miño.
O frade Frei Martín Sarmiento nas crónicas das súas viaxes por Galicia, ala polos anos de 1745, conta que de boca duns vellos, de mais de oitenta anos, do Couto de Goián ouviralles esta historia, da espada do mouro a cal debe ter centos de anos, pois desegún dicían os vellos a eles xa lla contaran os seus pais, e a estes os seus avós, e así chegou ós nosos días.
Narrábanlle os vellos que, no pazo dos Correas, tiñan unha filla moi fermosa, alta e delgada coma un vimbio e cuns cabelos louros e ollos azuis que parecía unha virxe dun cadro de Murillo. De nome chamábase Maria Anxelica. Os seus pais nomearonlle de aia unha monxa moi ilustrada, chamada dona Ximena Suarez de Deza e Soutomaior. Esta monxa era a encargada de aprende-la rapaza en todas as ramas da ciencia, así como urbanidade e ser boa ama de casa, para cando casar. Tamén tiña unha doncela a ó seu servizo chamada Domínga, un par de anos mais vella. No pazo tiñan capela; pero os domingos apetecíalle a moza ir ouvir a misa na igrexa de Goián, e ó remate dela conversar no adro cos seus vasalos, que a querían moito pois era boa rapaza e moi faladeira. Sempre ía acompañada pola súa doncela.
Na volta á casa, no lugar chamado hoxe Baldío da Moura, atopáronse cunha pequena tropa de mouros a cabalo. Ás rapazas ó velos enchéuselles o corpo de medo e agarrada unha á outra, comezaron a chorar. Adiantándose ata elas un deles, que debía ser o xefe pola súa vestimenta, ó mirar tan fermosa rapaza prendouse dela e díxolle:
-Non teñades medo, que non vos vamos facer mal ningún.
Elas xa se vían raptadas por eles, que segundo parece era cousa que faian a miúdo. O mouro púxolle soamente como condición para non lles facer mal verse todos os domingos naquel lugar. A rapaza tamén se namorou del, pois era un real mozo e vestía con moito luxo.
A súa doncela quixo quitarllo da cabeza, dicíndolle que se os seus pais se decataban ían castigala, pero quen cambia o pensar dunha rapaza de dezaoito anos cando se namora. E desde aquela, todos los domingos á saída da misa se vía co mouro, que era moi educado e bo conversador, e cada día que pasaba mais namorados estaban un do outro. E namentres, a súa doncela namorouse do axudante que el traia.
Pasaron os meses e como o demo sempre anda polo medio dos namorados, ocorreu que a rapaza quedou en estado, e andaba moi triste e pálida. Non podendo ocultalo, díxollo á nai, e esta ó seu home, quen quixo matala. Pero como a súa muller quería moitísimo á súa filla a cerraron no pazo, sen deixala saír, nin á misa, nin á da capela, por se deixar deshonrar por un de crenzas mahometanas. O mouro todos os domingos acudía á cita, pero as mozas non aparecían. Pasado un mes a moza mandou a súa doncela Dominga ir ver se os namorados viñan e atopándose con eles, contoulles o que pasaba. Marchou o mouro todo triste e choroso sen dicir palabra. A Dominga contoullo á súa dona, e esta pediulle á súa nai para se confesar na capela. ¡pero súa nai non acedía ás súas peticións! pero tanto llo pediu que ó fin deulle o permiso.
Noutro día, ergueuse cediño para ir á capela e en vez de facelo, foi cara ó fundo do eido onde pasa o Miño e alí mesmo se tirou ó río, afogándose. O seu corpo nunca apareceu, soamente os zapatos. Naquel lugar hai un penedo preto da beira, que soamente o cobren as crecidas, e dende entonces, todas as mañans, aparece pousada enriba del unha pomba branca que a xente di que é a alma da afogada.
Pasados un par de meses do caso os seus pais non se consolaban da pena e so mandaban dicir misas pola sua alma. Certo día petaron no portón do pazo, e un dos criados foi abrir la porta para ver quen era. Era unha grande comitiva de mouros, con moitos cabalos cargados. Foi avisar os señores amos e estes dixéronlle que os mandase pasar. Subiu ata o salón onde agardaban os pais da moza, o xefe do grupo, que era o seu namorado, e díxolles que viña pedir en casamento súa filla, que renunciara á súas crenzas e que fora tiña os cabalos cargados de presentes para eles e maila súa filla. O matrimonio rompeu a chorar e contáronlle o acontecido. Se a dor dos pais era grande, a do mouro non foi menos e rompeu en choros. Preguntoulles polo lugar onde se afogara e encamiñándose ata a beira do río.
Ó chegar viu na pedra unha pomba branca pousada nela, a pomba ó velo a el, levantou voo e foise pousar nun ombro enchéndolle a cara de bicos. O mouro coa pena e a dor tan grande pola súa perda, sacou o alfanxe e cravouno no seu corazón, e morreu alí mesmo. A doncela, que estaba co seu namorado, foi mirar o que pasaba e atopouno morto. Sacoulle a espada do peito e enterrouna naquel lugar e durante os anos que viviu nunca llo dixo a ninguén.
Suponse que a daga atopada refacendo a Torre é a mesma. E así chegou a lenda ata os nosos días.
Lendas ou historias do noso pobo que por que por desgraza se están a perdendo, cambiarei o tema deste blog, e dedicarme a transmitirvos a todos vos que ledes isto, as historias do meu pobo, un dos mais ricos de toda Galicia en contos lendas historias, un pobo cheo de grandeza cultural perdida ó longo dos anos, e pouco o que podo facer, pero e mais que suficiente para que toda xente interesada tanto deste pobo como de fora poida gozar de toda a nosa historia, que non e pouca, e dunha beleza inconmensurable, algúns de nos inda imos por eses camiños a certas horas da noite e certas noites do ano intentando encontrar esa comitiva de mortos ou vivos que lavan as súas culpas e fan esconxuros, descubrindo recunchos perdidos de Goián, e gozando duns dos paraxes mais atractivos e ricos de toda a nosa terra galega.
Sen mais espero que vos guste, e pouco a pouco irei colgando mais contos e historias do noso lar, sinto non traducilas porque xa e un traballo do carallo, pero inda así espero que sepais apreciar todo o que oculta este pobo.
P. D. - As fillas dos señores de este pazo todas elas debían ser moi fermosa, pois un das fillas da última señora, namorouse dun portugués de Gondarem, e súa nai dicíalle, ten coidado miña filla que o portugués non ben por a prenda ben pola facenda, e el respondíalle ¡o que me sobra a min e facenda o que non teño e prenda!.