poste no que figuraba a
placa na honra de evaristo cuiñas rivas, natural do lugar, e que daba nome á rua.
Petición da Asociación Medioambiental e Cultural Canón de Pau de restablecemento das
placas conmemorativas en homenaxe a D. Evaristo Cuíñas Rivas como benfeitor do Concello de
Cotobade
Os membros da Asociación Medioambiental e Cultural Canón de Pau, na súa xuntanza ordinaria o pasado 28 de setembro, acordaron solicitar á Corporación de Cotobade o inicio do procedemento para restablecer as placas conmemorativas coas que os veciños do concello honraron a D. Evaristo Cuíñas Rivas despois do seu pasamento.
Presentamos esta proposta ao considerar que don Evaristo Cuíñas Rivas, natural da aldea de
Trabazo,
parroquia de
Carballedo, preocupouse polo desenvolvemento da zona e así o demostra o feito de que del parte a iniciativa de construír a estrada que vai do Muíño Grande á propia aldea de Trabazo e que dá servizo tamén ao lugar de Paraños. Coa chegada da Ditadura franquista desapareceron todos os símbolos que molestaban ao réxime e así retiráronse as placas deste home de fortes conviccións republicanas que pretenderon perpetuar ao esquecemento.
Naceu en 1859 na aldea de Trabazo, fillo de Francisco Cuíñas e Xoana Rivas Lois, chegou a ser tenente alcalde da cidade de
Pontevedra e ocupou durante as dúas primeiras décadas do século vinte postos de máxima relevancia dentro da corporación municipal. Neste período tomáronse decisións tan importantes para a poboación campesiña como a petición do proxecto de Lei de Redención de
Foros.
D. Evaristo instalouse en Pontevedra onde combinou os cargos políticos coa faceta de empresario rexentando un ultramarinos e o “Café Español”. Segundo diversas fontes documentais foi un dos fundadores do
Casino Mercantil e Industrial da cidade do Lérez e participou activamente da vida pública da mesma como se recolle na prensa da época.
Interésanos especialmente o feito de que participase en representación das Sociedades Agrarias de Cotobade no Directorio Antiforista de Teis en decembro de 1907 o que demostra que o lazo de unión coa terra que o viu nacer sempre se mantivo forte. Este vencello cos campesiños do concello débese en parte a ser un dos promotores do asociacionismo agrario da zona e este feito é correspondido cando que en 1931, ano do seu pasamento, a Sociedade de Agricultores de Carballedo solicita ao concello a autorización para colocar unha placa conmemorativa na parede exterior da
Casa Consistorial.
A figura de Evaristo Cuíñas Rivas é tan xenerosa como complexa e descoñecida. Non é casual que no mesmo ano do seu falecemento a estrada que impulsou reciba o seu nome a petición da Federación e Centro Republicano. Así no verán de 1931 tributóuselle unha sentida homenaxe e colocouse unha placa ao principio, outra ao final da estrada e unha terceira na casa onde naceu.
No ano 1937, xa instalada en
Galicia a Ditadura franquista, retiráronse as citadas placas porque recordaban a un home de ideoloxía republicana, defensor da democracia e dos ideais liberais. Aínda que desapareceron as inscricións aínda hoxe se conserva o oco na casa e un dos postes que sustentaba o sentir do seu pobo. Entendemos que é o momento de encher ese espazo e recuperar a nosa memoria.
Consideramos suficientes os motivos apuntados, en necesaria síntese, para propoñer a restitución das placas que recordaban a D. Evaristo Cuíñas Rivas como benfeitor da zona. Polo que solicitamos da Corporación e do seu Alcalde o inicio dos trámites establecidos polo regulamento do Concello de Cotobade para tal fin.
Cotobade, 7 de decembro de 2007